|
Os pés enchoupados de ti
pesan no corpo.
Unha camiseta
que se fai de pel
colga dos ombros
mentres vai transparentando
a auga que se volve poro.
As pernas son debuxo
de terra
trazadas en charcos.
Sensación
de frialdade primeira
que logo acariña
o cansancio todo.
Dóesme nos ollos
e esvaras decidida polo rostro
Chorrea o meu cabelo
farto de ti
e vai pingando sen sentir.
Pecho as mans
e por un momento maldigo
vanse as forzas
que dalgún xeito roubas
Pero non, absórbote
e vou contigo
batendo lama
avanzando coa rabia.
Faise o tempo de auga
amolece o corpo
pendurado dunhas zapatillas
eslamiadas de barro
|